O almorzo precisa aportar a enerxía necesaria para afrontar os requirimentos das actividades diarias das crianzas. Unha opción para un almorzo equilibrado é que posúa un lácteo, hidratos de carbono e unha peza de froita. Polo que as nenas e nenos poderán escoller:
Un lácteo: leite con cacao soluble ou un iogur.
Hidratos de carbono: galletas, cereais, biscoito caseiro ou torradas de pan. As torradas van acompañadas con marmeladas, aceite, mel, manteiga con azucre, crema de chocolate ou froitos secos.
Froita: mazá, pera, plátano, melón, sandía ou fresas dependendo da tempada.
Antes e despois de almorzar, as crianzas xogan, pintan ou realizan actividades especiais de tempada no propio comedor.
Desde as 8:30, un/ha monitor/a baixa ao patio acristalado onde os nenos de primaria que o desexen poden xogar no patio de columnas cando o tempo é bo. Momentos antes da apertura das cancelas da escola por parte da conserxe, as crianzas que baixaron aos patios volven ao comedor.
Os nenos e as nenas de infantil e primaria achéganse aos espazos correspondentes de entrada e xa entran cos seus compañeiros e compañeiras.
As crianzas pódense incorporar a calquera hora a partir das 7:30.
O almorzo sérvese de 8:00 a 9:00. Se por algún motivo puntual a crianza ten que almorzar despois das 9:00, non haberá problema; ningunha crianza irá sen almorzar, mais cómpre evitalo, xa que non lle dará tempo de almorzar tranquilamente e seguir o ritmo dos compañeiros e das compañeiras.
De 9:00 a 9:30, as crianzas aséanse e prepáranse para as clases.
Se precisas de forma esporádica o servizo de comedor cómpre que avises cun día de antelación. Só en caso de urxencia podes avisar no día.
Os descontos aos irmáns ou ás irmás faráselles só ás familias que non reciben axuda do concello polo servizo.
Se a crianza xa almorzou na casa, debes avisar á persoa coidadora no momento de entrar.
O prezo de madrugadores é o mesmo para todo o alumnado, sen ter en conta a hora de entrada nin se almorzan ou non.
As crianzas de infantil deben traer un mandilón e un cepillo de dentes.
As bolsas co material das actividades extraescolares, con artigos dos aniversarios deben levar o nome e apelidos da crianza, o curso e o grupo ao que pertence.
Calquera recado dirixido ao profesorado déixao ao persoal coidador indicando o nome e apelidos da crianza, o curso e o grupo ao que pertence.
Calquera alerxia ou intolerancia alimentaria debe ser anotada na folla de inscrición, achegando unha copia do informe médico. Xerarase un menú adaptado a cada caso.