Inicio‎ > ‎

«A excelencia é que haxa un comedor escolar e unha cociña en cada colexio» La Voz de Galicia 09/01/2016

publicado a la‎(s)‎ 9 ene. 2016 4:49 por ANPA López Ferreiro
No colexio público López Ferreiro funciona o comedor escolar, con cociña propia, desde que o centro dependía do Ministerio de Educación. Tras a transferencia das competencias en Educación á Xunta, a ANPA tivo que asumir a xestión, ante o risco de quedar sen o servizo. Decidiu mantela, cando o Concello ofreceu a posibilidade de cátering aos centros públicos. Os últimos anos funcionan como unha empresa, que contratou asesoramento laboral e fiscal, e o dunha empresa de riscos laborais, para elaborar nóminas, atender facturas, formación de persoal, e demais tarefas ordinarias e obrigacións con diversas administracións.

José Manuel Pereiro, presidente da Anpa, explica que «temos que cumprir a lexislación de Industria, Sanidade, fiscal e laboral». Manteñen así un modelo de comedor escolar único en Santiago, que este curso prepara ata 120 almorzos e 180 comidas diarias, segundo indica a responsable da cociña, Susana Fondo.

É unha gran responsabilidade, pero están satisfeitos. «A excelencia é que haxa un comedor escolar e unha cociña en cada colexio», sostén Pereiro. Ademais de favorecer a conciliación da vida persoal e laboral, é para as familias unha garantía de mellor calidade da comida, ao permitirlles controlar directamente todo o proceso, di.

Teñen ademais a vantaxe de que o actual vicepresidente da ANPA, Ramón Lamelo, é enxeñeiro agrónomo industrial, profesionalmente relacionado con este ámbito, e intervén para supervisar e asesorar a condimentación dos menús. «A carne que se utiliza é de Tenreira Galega Suprema; o peixe fresco; arroz normal e non vaporizado; tomate triturado, que é menos graxo, e non fritido; e compramos produtos de temporada no mercado de abastos e a provedores locais», explica Lamelo.

A cociña aténdena tres profesionais. E o comedor, ata dez monitores. O servizo, entre persoal, combustible e alimentos, costa máis de 150.000 euros anuais, indica José Manuel Pereiro. Reciben da Xunta unha subvención, que cobre sobre un 12 % do orzamento. E o Concello concede bolsas a 20 escolares este curso -o pasado eran 4-, a quen custea o 80 % do prezo; o resto págano as familias, e en 3 casos asúmeo Cáritas, sinala Susana. Serven un menú común para a maioría de comensais, con dietas especiais para celíacos e alumnado con alerxias e outras necesidades. Docentes, e pais e nais, poden comer tamén, por 5 euros. Os prezos para o alumnado dependen de si é un único usuario ou ten irmáns; e dos días que o use.

A ANPA contrata un seguro de responsabilidade civil. A xestión do comedor é sen ánimo de lucro, aínda que reservan un fondo para posibles continxencias. Pereiro considera que este servizo debería prestalo a Administración, e a ANPA dedicarse a outras tarefas e velar pola calidade educativa.

Este comedor estreou melloras antonte, ao regreso das vacacións. O Concello financiou a mellora do chan; e a Consellería de Educación dotouno de mobiliario novo: 4 armarios, fregadero, freidora e lavalouzas. Foi o resultado de anos de reivindicacións, sobre todo ante a Xefatura de Educación da Xunta; e a ANPA tamén colaborou nas melloras. Pereiro apunta que aínda conservan louza de tempos do Ministerio, da década de 1970.

Modelo único. O López Ferreiro é o único colexio público de Santiago con cociña e comedor que xestiona a ANPA. Nos outros, teñen cátering e xestión do Concello; salvo o Pío XII (cátering que xestiona a ANPA), Lamas de Abade (comen no centro de FP Compostela), e A Sionlla (a Xunta asume o comedor).

Comments